O cine en galego chega este venres a Chapela coa proxección no auditorio do Piñeiral do Crego da película Sinbad con entrada de balde. Unha actividade organizada dende o Servicio de normalización lingüística de Redondela, coa finalidade de promover o achegamento da sétima arte tamén na nosa lingua e contribuír á divulgación do cinema galego. O día 11 proxectarase en Redondela.
O filme que se proxectará é Sinbad, dirixido por Antón Dobao e cuxo guión está baseado na novela de Álvaro Cunqueiro “Se o vello Sinbad volvese ás illas”. Conta cun reparto excepcional, formado por grandes nomes do teatro e o cinema galegos: XoséManuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas, Mariña Sampedro “Coco”, Luís Zahera, Manuel Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán “Morris”, Laura Ponte, e a colaboración especial de Mela Casal e Miquel Ínsua.O fío da película conta a historia dun vello mariñeiro que vive tranquilamente nunha vila mariñeira, dedicando o seu tempo ao coidado da súa horta, a pasear a carón do mar e a fabular. Este mariñeiro, agora retirado, que percorreu os mares coñecendo personaxes extraordinarias, foi testemuña e protagonista de feitos fantásticos. A Sinbad, que é como el quere que lle chamen, acompáñao Sara, unha nena que aprenderá con el os segredos deses mundos fantásticos, e será a que o una ao seu último proxecto: pilotar unha nave extraordinaria que o leve ás Illas Cotovías.O filme é apto para todos os públicos e recoméndase para maiores de 9 anos. Proxectarase o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela. E novamente, o sábado, 11 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio da Xunqueira de Redondela. A entrada é de balde.