Nunha época con elevadas taxas de paro e recesión económica, a compra-venta de vivendas mantén o tipo en Redondela. A situación deste municipio é diferente á de resto de Concellos da Área Metropolitana, onde existe unha ampla bolsa de casas baleiras. En Redondela a construción estivo máis paralizada pola falta dun PXOM, e a oferta de vivenda nova é moi limitada. Por este motivo, aínda que demanda baixou nos últimos anos, “o sector resiste mellor a crise” segundo explica Carlos Ferrín, da inmobiliaria San José.
O mercado inmobiliario segue a ter tirón en Redondela. A crise ten afectado ó sector, pero dun xeito moito máis suave que a outros municipios veciños como O Porriño ou Soutomaior, onde existen centos de vivendas baleiras. Isto explícase porque cando comezou a estoupar a burbulla inmobiliaria o punto de partida era tamén moi distinto. Mentres noutros Concellos da Área Metropolitana se fixeron grandes promocións de vivenda nova, en Redondela a construción estivo “moi limitada pola falta de solo”. Carlos Ferrín, da inmobiliaria San José, sinala que esa escaseza de oferta pola falta dun Plan Xeral, fai que o sector “non se resinta tanto” como noutras zonas. Caída dos prezos O único efecto beneficioso da crise é a caída relativa dos prezos da vivenda. A baixada no prezo da vivenda en Galicia en 2011 con respecto ó ano anterior é do 4% nos pisos novos e un 9% nos de segunda man. Tamén é o caso de Redondela, onde os prezos están actualmente “moi axustados”, segundo explica Ferrín. Por iso este é “un momento ideal para mercar”, sen pagar os sobreprezos de anos atrás. Desde a inmobiliaria San José recoñecen que a caída non foi tan acusada como a suba que experimentou a vivenda “hai sete ou oito anos”, pero o certo é que o valor foise axustando. O problema ó que se enfrontan agora aqueles que queren mercar é a falta de crédito. As dificultades para acceder a unha hipoteca e as múltiples garantías que agora esixen as entidades financeiras impiden que moitas familias poidan mercar unha vivenda. E as perspectivas de futuro a curto prazo non son mellores. O mercado inmobiliario galego está “á expectativa” do que faga o novo Goberno , e o sector demanda con urxencia a posta en marcha dun novo plan de vivenda.