As comparsas recibirán axudas que oscilan entre os 300 e os 500 euros dependendo do número de compoñentes e poderán optar a algún dos premios que concede a Concellería de Cultura. O prazo de inscrición remata o 17 de febreiro e o desfile realizarase na tarde do domingo día 19.
Menos de dúas semanas para que comecen as actividades do Entroido en Redondela e son moitos os colectivos que apuran estes días para elaborar traxes, idear carrozas e ensaiar coreografías co obxectivo de ter todo a punto para o desfile que terá lugar o domingo día 19.
Este ano dende o Concello contan cun orzamento de máis de 10.000 euros que se destinará a subvencionar e premiar as comparsas participantes. Así, as agrupacións formadas por máis de 80 compoñentes recibirán 500 euros, 400 percibirán as comparsas cuxo compoñentes sexan entre 56 e 80 persoas e con 300 euros se axudará a aquelas de entre 25 e 55 compoñentes.
Os premios oscilarán entre o 900 euros para a comparsa que quede en primeiro lugar e 600 e 300 para a segunda e terceira, respectivamente. Haberá ademais premios de menor contía para os grupos, parellas e mellor disfrace individual.
As comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación e en canto ás carrozas deberán ter unha altura máxima de 4,50 metros e un ancho máximo de 4,00 metros.
As comparsas que opten aos premios deberán inscribirse no rexistro xeral do Concello antes do 17 de Febreiro e para poder optar aos premios é imprescindible que as comparsas acompañen ao Entroido nos actos programados para o Domingo día 19, e que comezará coa concentración das comparsas as 17:00 horas no Campo da Feira, sendo ás 18:00 horas o inicio do desfile.