Os recortes da entidade financeira comezan a facerse notar en Redondela. A entidade, que conta con tres sucursais no centro da vila, dúas pertencentes a antiga Caixanova e outra a Caixa Galicia, ven de comunicarlle aos seus clientes que a partir do 22 de febreiro pechará a oficina que se atopa na rúa Alfonso XII número 10.
Serán polo tanto os traballadores da antiga Caixa Galicia os quen teñan que facer as maletas para se trasladaren á algunha das outras dúas oficinas que a entidade conta no centro da vila logo da fusión: unha na Praza de Ribadavia número 2 e a outra na rúa Alfonso XII número 1, en fronte do Concello. Péchase a que quedaba a medio camiño entre as outras dúas e que contaba xa con todas as papeletas para ser a primeira en desaparecer, tendo en conta que o local non era propiedade da entidade.
Os clientes da antiga Caixa Galicia están a recibir nos seus domicilios unha carta informativa na que se lles comunica que a partir do vindeiro 22 de febreiro e “dentro do Plan de mellora da eficiencia da nosa rede comercial” a oficina de Alfonso XII, 10 traslada todos os seus servicio á oficina que se atopa na praza de Ribadavia.
Unha decisión que Novagalicia adopta dentro das medidas de recorte que dende a súa dirección están a levar a cabo nos últimos meses e que supón o peche de 150 oficinas, con 450 empregos no aire aos que hai que sumar outros 300 nos edificios centrais de Vigo, A Coruña e en menor medida Madrid. En total 750 postos de traballo, segundo os cálculos dos sindicatos, nunha entidade da que saíron nos últimos meses 1.570 traballadores.