A primeira das películas incluídas neste ciclo que se vai desenvolver no multiusos da Xunqueira con proxeccións os mércores 8, 15 e 29 ás 20:00 horas será a francesa Benvidos ao Norte de Dany Morton. O colectivo organiza tamén un obradoiro de decoración de froitas e verduras e un taller de creación de tatuaxes de Henna.
Rede troco naceu coa finalidade de “crear espazos á marxe das relacións mercantís onde persoas do común puideran ofrecer a outras persoas os seus saberes e coñecementos”. Ata o de agora teñen sido varias ducias de intercambios de moi diversa índole os realizados: pandeireta, recollida de cogomelos, habilidades nocturnas, patinaxe, fotografía, cata de viños, visionado de películas de VO, cantos de taberna, montaxe de mobles, clases de francés e un longo e variado etcétera.
E co obxectivo de continuar con esa labor de dinamización hoxe proxectarán a película en versión orixinal Benvidos ao norte.
As actividades continúan mañá xoves co inicio dun curso de pandeireta e canto a nivel medio que se desenvolverá de xeito quincenal no CS Abrente de Arcade.
O venres e sábado organizan dous obradoiros na casa da cultura, o primeiro de decoración de froitas e verduras e o segundo de creación de tatuaxes de Henna.
As persoas interesadas en asistir aos obradoiros, poden enviar un correo electrónico a info@redetroco.org
En vindeiras citas proxectarán novas películas no Multiusos, concretamente o mércores 15 poderase ver a premiada “Midnight in Paris” de Woody Allen e o día 29 “Un deus salvaxe” de Roman Polanski.