E faino en dous sentidos, por unha banda porque as actividades organizadas dende a Concellería de Cultura non se libran dos recortes coa eliminación dos tradicionais fogos de artificio e, por outra banda, porque o meco que será pasto das lapas e reducido a cinzas o vindeiro martes representa precisamente á tan manida e temida crise.
Queimar a crise e facela desaparecer é sen ningunha dúbida o soño de todos os cidadáns que se están a ver afectados de cheo polos recortes. Pois iso é o que se fará o vindeiro martes en Redondela onde o lume fará desaparecer un meco que ata ese momento permanecerá no balcón da casa consistorial e que representa á tan traída e levada crise. Unha actividade enmarcada dentro da programación do Entroido organizada pola Concellería de Cultura e que arrancará xa na xornada do domingo co desfile de comparsas que partirá ás 18:00 horas dende o Campo da Feira para percorrer as rúas do casco urbano. En total, 15 agrupacións que se poderán face con algún dos premios que concede o concello e que oscilarán entre os 900 euros para a comparsa que quede en primeiro lugar e os 600 e 300 para a segunda e terceira, respectivamente. Haberá ademais premios de menor contía para os grupos, parellas e mellor disfrace individual. E os máis cativos terán tamén a súa cita coa realización de obradoiros variados de globoflexia e maquillaxe. Un Entroido 2012 que non se libra dos recortes. De feito, este ano non se levará a cabo a tradicional tirada de fogos de artificio que servía para pechar estas celebracións no centro da vila. Uns recortes que se notarán tamén no alumeado que desaparece das rúas.