“En Sax Simón” é o título deste disco en directo que será presentado ao público no mes de xuño e que estes días está a gravarse na Illa. Ata o vindeiro domingo os 44 saxofonistas que conforman a orquestra de saxos de Redondela permanecerán neste espacio elaborando o que será o terceiro traballo discográfico da formación baixo a dirección de Elisa Arias.
Con moito esforzo e con moito traballo por parte de todos os que conforman a orquestra de saxos, así é como van sacar adiante este terceiro disco da formación. Un traballo que, segundo explicaba a directora da orquestra, Elisa Arias, presenta novidades importantes respecto dos CDs anteriores, xa que será un disco en directo no que se poderán escoitar pezas de swing e as versións de dous temas galegos populares como son “Unha noite na eira do trigo” e “Catro vellos mariñeiros”. O disco contará ademais coa colaboración de tres percusionistas así como intérpretes invitados de clarinete, acordeón, trompeta e piano para actuar como solistas nalgunhas das pezas e tres técnicos holandeses serán os encargados do apartado técnico. En canto ao financiamento, o custe é asumido na súa totalidade pola propia orquestra, grazas aos concertos que desenvolven durante todo o ano. O traballo será presentado publicamente no mes de xuño, e do mesmo xeito que a súa gravación o obxectivo da orquestra sería facer un concerto presentación na propia Illa de San Simón.