Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arranca o Teatrarte con Fulano, Mengano e Citano

RR_Noticias

O Teatrarte 2012 achegará ao Multiusos da Xunqueira un total de seis obras de teatro que se poderán ver todos os sábados dende o 25 de febreiro e ata o 31 de marzo ás oito da tarde a un prezo de 4 euros para o público en xeral, mentres que xubilados e estudantes terán que abonar tan só dous euros por sesión. A primeira das representacións a cargo da compañía Fulano, Mengano e Citano leva por título Viva a crise!!

Os encargados de inaugurar o Teatrarte 2012 serán Manuel Botana, Manuel Pombal e Suso Pando, máis coñecidos como Fulano, Mengano e Citano. Nesta ocasión ofrecerán unha obra ben acaída aos tempos que corren e que leva por título “Viva a crise!!”. Unha comedia na que os actores preséntanlle ao público unha serie de historias enlazadas, tratadas cun humor ácido e actual, que se desenvolven ao redor desta difícil etapa de recortes e dificultades económicas.
Unha hora de sketches coa crise económica como fío condutor e como excusa para falar do paro, política, corrupción, relixión ou mesmo a normalización lingüística.
A actuación será ás 20:00 horas de hoxe sábado día 25.
Xa no mes de abril pasarán polo Multiusos as compañías Malasombra producións, Talía Teatro, Espello Cóncavo, Elefante elegante e Vilano Producións.
As persoas que estean interesadas en asistir a todas as representacións poden facerse cun bono a un prezo de 20 euros que lles dará dereito a contar cunha butaca en cada unha das obras. Un bono que a xubilados e estudantes custaralles tan só 10 euros.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará