A actividade, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reunirá hoxe e mañá en San Simón a expertos nas redes sociais e activos blogueiros para analizar a revolución de internet e os desafíos que a rede implica como plataforma de comunicación e relacións sociais.
Destacados comunicadores como Antón Losada e Carmela Ríos, cineastas como Nacho Vigalondo e músicos como Julián Hernández, achegarán ao encontro as súas visións sobre os efectos no modo de comunicar que supón a rede, desde os seus respectivos sectores. Participarán tamén en #NeThinking referentes no panorama nacional pola notoriedade das súas bitácoras e pola súa actividade en redes como Twitter ou Facebook, como o xornalista e experto en redes sociais Nacho de la Fuente – coordinador do encontro-, ou os recoñecidos blogueiros José Jiménez Moltó (Kurioso) e Javier Pedreira (Wicho). Ademais o encontro contará coa participación virtual da recoñecida blogueira cubana Yoani Sánchez.
Ademais, exporán as súas experiencias en #NeThinking editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo ou Eduardo Arcos; consultores como Elena Gómez del Pozuelo, Mario Tascón e Antonio Delgado; e expertos en comunicación de diferentes universidades galegas como Francisco Campos, Xosé López, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez.
O encontro deseñouse en bloques temáticos nos que se analizarán desde o mapa de redes e as estratexias para a súa utilización, a seguridade informática, os modelos de negocio, a fragmentación e saturación de contidos, a transformación do fan en follower, os novos modelos de comunicación propiciados polos novos soportes e, en definitiva, o presente e o futuro da internet como plataforma que ten revolucionado tanto a comunicación como as relacións sociais.
O segundo encontro #NeThinking estará, do mesmo xeito que o pasado ano, aberto a todas as cidadás e cidadáns que queiran participar nel, seguindo as sesións a través de Twitter – mediante o hastag #NeThinking – ou a través da retransmisión íntegra das mesmas que se realizará por streaming na canle San Simón TV, á que se pode acceder na web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org).