Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco cumpre co obxectivo en Nigrán

RR_Noticias

Aitor Gómez, por partida dobre, foi o anotador do equipo redondelán, que conseguiu superar un marcador en contra, logo de que os anfitrións marcaran o primeiro gol do partido. A vitoria permite ós de Jacobo Montes seguir na segunda praza da Preferente Autonómica, que dá acceso ó ascenso a Terceira.

Preferente Autonómica
Nigrán 1-2 Choco
O Nigrán adiantouse no marcador no minuto 26, nun encontro no que os locais plantaron cara ó equipo redondelán. Pero en pouco máis de dez minutos un gol de Aitor Gómez puxo ós anfitrións no seu lugar, co empate 1-1. A ningún dos dous equipos lle valía o empate, xa que o Nigrán busca salvar a categoría e o Choco non abandonar os postos de cabeza. Por iso na segunda parte ningún dos dous equipos se daba por satisfeito. O Nigrán apertou arriba e o Choco non perdoou. Manu Lojo conseguiu levar un balón que, aínda que se topou coa parada de Manu, despois Aitor enviou o rexeite ó fondo da portería. Era o minuto 70 e o 1-2 sería o marcador final. Os tres puntos deixa ós de Jacobo Montes na 2ª praza. A próxima fin de semana volven xogar fóra da casa, no campo do Ourense B, o pechacancelas do grupo. E non poden fallar, xa que o seu seguidor, o Céltiga, está a tan só un punto.
Primeira Autonómica
Bahía 2-1 Chapela
O Chapela non foi quen de superar ó Bahía, e afúndese na metade baixa da táboa. A próxima fin de semana reciben ó Domaio, da metade alta da táboa.
Segunda Autonómica
Arcade 2-1 A Lama
Os de Soutomaior conseguiron superar a un dos seus rivais directos pola permanencia, o conxunto da Lama. Con todo os de Jonathan Álvarez seguen no pozo da clasificación. A próxima fin de semana xogan no campo do Cuntis (7º)
Terceira Autonómica
Choco B 3-0 Atl. Matamá
O filial do Choco non perdoou a un dos equipos da parte baixa da táboa e impúxose con claridade ó Matamá. Manteñen así a 6ª praza, e a próxima fin de semana xogan no campo do Moledo, da parte baixa do grupo.
Chapela B 0-0 Moledo
Reparto de puntos entre dous dos equipos da parte baixa da táboa. Os de Chapela xogarán o próximo domingo en Nigrán, dous postos por riba dos redondeláns.
Cháin 2-0 At. Vilar
Os redondeláns non foron quen de superar ó Chaín, que se mantén segundo do grupo. Os redondeláns caen á metade baixa da táboa, e a próxima fin de semana reciben ó Mosende, pechacancelas do grupo.
Cesantes 3-2 Praderrei
Estaba previsto que fora un partido de moita igualdade e non decepcionou, con moitos goles, e a balanza caeu a favor dos locais, que se impuxeron ó Praderrei por 3-2. O Cesantes mellora posicións na táboa, e a próxima xornada xoga no campo do Santomé, un dos conxuntos máis fortes do grupo.
Presqueiras 2-3 Soutomaior
Non fallou o Soutomaior, e impúxose ó Presqueiras, un dos pechacancelas do grupo, aínda que con máis dificultades do previsto. Os de Soutomaior son segundos, e o domingo reciben ó Cruceiro B, da metade baixa da táboa.
Nespereira 1-1 Castelo
Reparto de puntos no partido dos de Pazos, que manteñen o 5º posto do grupo. O domingo xogan no campo do Cañiza, situado dous postos por riba do Nespereira.
Fútbol Sala – Autonómica Sur
Redondela F.S. 3-3 Valadares
Reparto de puntos na bomboneira de Redondela nun encontro que non estivo exento de polémica, e no que o adestrador local, Nolichi, foi expulsado por dirixirse ó árbitro para protestarlle unha actuación. O empate deixa ós redondeláns na 9ª posición da táboa. A próxima fin de semana disputarán un partido de moita rivalidade, xogarán na pista do S. Martiño, equipo situado un posto por riba do Redondela F.S e que os avantaxa en tan só dous puntos.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará