O colectivo convoca unha asemblea aberta que terá lugar na casa da cultura o mércores 14 ás 20:30 horas co obxectivo de traballar de cara a “transformar o inmobilismo da sociedade actual” e poñer en marcha accións continuadas no tempo ante as políticas neoliberais dos gobernos.
Esta formación fai un chamamento a todos os colectivos e á cidadanía para que se acheguen a esta asemblea na que se analizará a situación económica, política e social que estamos vivindo, nun contexto de profundas mudanzas no referido ás condicións de vida para grande parte da poboación galega e poñen como exemplo a reforma laboral aprobada polo goberno para “crear emprego” e que facilita o despedimento, permite unha reducción do salario se así o decide unilateralmente a empresa, abre a posibilidade de despedimento do funcionariado, etc.
Tamén mudanzas nos orzamentos públicos cuxos recortes provocan un déficit na calidade de servizos básicos como a sanidade, a educación, os servizos sociais, etc
Desde o Colectivo Despiste pensan que este é momento de que a cidadanía redondelá faga valer os seus dereitos de participación activa e que se organice “para respostar as políticas neoliberais dos gobernos”. Apuntan que estas mobilizacións non se deben deixar exclusivamente en mans dos sindicatos e que ademais da posible participación na forma do 29 de marzo tamén se poden poñer en marchas outras acción continuadas no tempo que se analizarán na asembleas de mañá.