De xeito gratuíto todos poderemos acceder a esta nova páxina web ben para anunciar as actividades que desexamos dar a coñecer ou ben para nos informar daqueles actos culturais ou deportivos que se desenvolven nunha zona ou local concreto. A presentación oficial de “quefacer.com” será o vindeiro xoves ás 19:00 horas no Multiusos da Xunqueira e a partir desa data estará completamente operativa.
Ramón Iglesias e Alberto Freaza son os dous emprendedores que están detrás desta idea, unha nova ferramenta en Internet que nace co obxecto de facilitar a promoción de eventos. O acceso a esta páxina de evento é ven sinxelo, tan só temos que teclear no buscador o enderezo www.quefacer.com e aí atoparemos todo tipo de actividade culturais, deportivas ou mesmo enderezos e direccións de locais interesantes aos que achegarnos no noso tempo de ocio. Tamén incluirá actividades organizadas dende a propia administración. O obxectivo segundo explican os seus creadores é converterse nun referente para todos aqueles que busquen algo que facer no seu tempo de ocio xa que “a día de hoxe non existe ningunha ferramenta semellante na rede”. Ademais o deseño da páxina permite incluír na busca unha serie de filtros para determinar o tipo de actividade que queremos atopar ou o lugar ou data onde esta se desenvolve, xa que o ámbito de acción pretende ser toda España. Freaza apunta que o interese comercial non está en ningún caso nos usuarios, que poderán acceder a quefacer.com de xeito gratuíto, senón que o seu obxectivo é financiarse como o fan outras redes tan coñecidas como facebook a través da inserción de publicidade. A páxina estará completamente operativa a partir do xoves, data na que se fará a presentación oficial ás 19:00 horas no Multiusos da Xunqueira. Unha cita aberta a todos os que queiran achegarse.