A antiga feira do gando na Avenida Mendiño acolle este venres ás 22:30 horas a festa concerto na que os asistentes decidirán co seu voto cal dos tres grupos finalistas son merecedores de facerse co premio da V edición do concurso de maquetas que convoca a asociación Millo Verde. Actuará tamén fora de concurso o grupo redondelán RMS.
Moito rock é o que se vai escoitar este venres a partir das 22:30 horas na festa concerto que se vai desenvolver na antiga feira do gando. Unha actividade organizada polo colectivo Millo Verde que serve para elixir ao que será o gañador do concurso de maquetas deste ano. Será o propio público asistente ao concerto o que decida co seu voto cal dos tres finalistas, que foron elixidos entre as 37 maquetas que se presentaron ao concurso, é o merecedor dos 300 euros do premio e de facerse co dereito a formar parte do festival que terá lugar os días 1 e 2 de xullo en Redondela. Diferentes estilos aínda que cunha base de rock é o que nos propoñen os grupos participantes, dende o transmetal de Invivo, ao punk rock de A Cona Ye ye pasando polo rock con raíces folk dos santiagueses Crying wolves. Ricardo Figueroa explicaba que a mecánica a seguir no concerto do venres será a mesma que en anos anteriores. Os espectadores pagarán dous euros por entrada o que lles dará dereito a voto así como a unha consumición gratuíta. As actuacións comezarán ás 22:30 e unha vez rematen os pases dos tres grupos a organización fará o reconto para coñecer quen é o gañador deste ano. Mentres os asistentes poderán gozar coa música dos redondeláns RMS, un grupo de recente creación con Juan Reyes ao baixo, Carlos Miguez á guitarra e Xoel L. Schwarz na batería que ofrecen un repertorio cargado de versións dos clásicos do rock entre os anos 60 e 80.