Javier Bas amosábase visiblemente satisfeito ao termo da sesión extraordinaria celebrada onte e na que unha axustada votación permitiulle ao PP sacar adiante un orzamento por valor de 15’8 millóns de euros. PSOE e BNG votaron en contra dunha contas que cualificaron de “irreais” por contemplar unha partida de ingresos sobredimensionada. Críticas que tamén se escoitaron na voz do representante de AER, que pese a todo optou pola abstención porque “peor sería seguir cuns orzamentos prorrogados do 2010”.
O voto de calidade do alcalde foi o que desfixo o empate logo dos 10 votos a favor procedentes dos edís que conforman o goberno e os dez votos en contra de PSOE e BNG. Unha votación que chegou logo dun longo debate que arrancou coa defensa do documento económico por parte da Concelleira de Facenda, Ana Alonso, quen insistiu en que se trata dun orzamento “adaptado á realidade, que busca a operatividade e o equilibrio orzamentario para evitar que queden facturas sen recoñecer como en exercicios anteriores”. Destacaba tamén o esforzo investidor con 1’3 millóns destinados ao Plan Marisma para garantir que se leve adiante a aula de interpretación da batalla de Rande (1.069.815 euros), as obras de humanización do Paseo da Xunqueira (161.141 euros) e a construcción dun novo tramo do paseo marítimo de Chapela (90.900 euros). Unha defensa que non convenceu aos grupos da oposición. O BNG afirmaba que o orzamento era “irreal e ficticio” con ingresos sobredimensionados e pola contra, incrementos en partidas que serven para facer “política de galería” nun momento no que debido á difícil situación económica debería darse prioridade a outras actuacións. No mesmo sentido se manifestaban dende AER. Jorge Varela aseguraba que as contas “están infladas”, aínda que engadía que a alternativa de prorrogar os orzamentos do 2010 un ano máis era unha opción inviable “xa que esas contas cunha previsión de ingresos de vinte millóns de euros están aínda máis infladas”. Unhas críticas que recibían resposta da edil de goberno. Ana Alonso aseguraba que os ingresos previstos lograranse grazas a unha mellor recadación coa actualización dos padróns para evitar que haxa veciños que non paguen. Aseguraba iso sí, que “non haberá incremento en ningunha taxa nin imposto” Dende o PSOE, Leonardo Cabaleiro solicitaba que o documento quedara sobre a mesa para que os grupos da oposición puideran facer novas propostas. Unha suxestión que Ana Alonso aseguraba non entender xa que “logo de meses de reunións sen aportar ningunha proposta piden agora máis tempo, cando non atopamos nunha situación na que se fai imprescindible aprobar uns orzamentos axeitados á realidade que dean operatividade ao concello e permitan afrontar a difícil situación económica”.