Faino da man do ilustrador Pepe Carreiro e do escritor Xurxo Valcárcel, veciño de Chapela e responsable do texto. O libro, que ven de ser editado polo Concello de Redondela, presentábase na mañá de hoxe ante preto de cen escolares do colexio de Santo Paio de Abaixo de Reboreda.
Un libro infantil que parte dun poema de Xurxo Valcárcel que, logo de anos espallándose pola rede, concrétase agora nesta publicación que leva por título “A noite do Apalpador”. O acto de presentación tiña lugar no Multiusos de Redondela na mañá de hoxe ante preto dun cento de rapaces do colexio de Reboreda que se levaron cadanseu libro asinado e dedicado polos autores, que previamente explicaron o proceso de creación dos textos e das propias ilustracións. A actividade está enmarcada dentro da IV Semana do libro: A festa das palabras que organizan conxuntamente o Servicio de Normalización e as bibliotecas de Redondela.