O cambio introducido polo Ministerio de Sanidade no cobro das receitas ten en vilo a moitos maiores. Os que cobren unha pensión contributiva pagarán un 10% dos medicamentos, ata un tope de 8 ou 18 euros mensuais segundo a súa renda. As farmacias de Redondela están a recoller nos últimos días esa preocupación dos usuarios, aínda que polo de agora non teñen información oficial de como se vai aplicar o pago.
Os cidadáns activos cunha renda inferior a 18.000 euros seguirán pagando o 40% do medicamento, como até agora, mentres que os que teñan un soldo superior a esa cantidade abonarán o 50% dos fármacos, unha porcentaxe que se eleva ao 60% para aqueles con rendas superiores aos 100.000 euros anuais. O máis novedoso é o pago para os pensionistas. Unha medida sen precedentes xustificada, segundo o goberno, pola situación económica excepcional. Por primeira vez os xubilados terán que pagar un máximo de 8 euros ao mes polos medicamentos. Unha cantidade especialmente significativa en Galicia onde as pensións son as máis baixas de España. Os xubilados redondeláns explican que “terán que medirse aínda máis” para poder chegar a fin de mes. Para Jose Luis, pensionista, “non hai dereito” a que fagan isto, logo de estar “décadas cotizando”. As farmacias son as que están a recoller agora o malestar dos seus usuarios. María Rita Pereira, que rexenta unha botica no centro de Redondela, recoñece que hao “moita preocupación” entre os xubilados. Son moitos os que lle preguntan “canto e cando van ter que pagar”. Polo de agora tan só poden informarlles da normativa aprobada po goberno, aínda que descoñecen como lle vai afectar a cada usuarios.