A oposición neste caso si fixo valer a súa maioría e os votos a favor de PSOE, BNG e AER permitiron que saíra adiante unha moción na que solicitan que se suprima a exención do pago do Impostos de bens inmobles que beneficia ás propiedades da Igrexa católica. O PP amosou a súa disconformidade a esta moción de Esquerda Unida presentada pola Agrupación de Electores argumentado que “os beneficios dos que goza a igrexa responden en gran medida ao labor social que desenvolve”.
A moción, debatida no último pleno municipal, solicita que se suprima a exención do pago do IBI que beneficia aos bens inmobles propiedade da igrexa católica e demanda tamén do concello que elabore un censo para coñecer cales son os bens no noso municipio rexistrados a nome desa ou de calquera outra confesión relixiosa. Os datos que aportaba este moción, redactada por Esquerda Unida aínda que defendida no pleno polo representante de AER, Jorge Varela “Chopi” estiman que son uns 3.000 millóns de euros os que as arcas públicas deixan de recadar por mor do privilexio que goza a igrexa Católica no pago do IBI. Un privilexio recollido no artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 e que lle permite a Igrexa non ter que abonar o Imposto de bens inmobles. Unha exención “total e permanente” da contribución territorial urbana que afecta a templos e capelas, residencias de bispos e sacerdotes, oficinas, seminarios e conventos. Apúntase na moción ademais que “cómo a Igrexa católica posiblemente sexa o máis importante propietario inmobiliario do Estado”, este privilexio provoca que se deixan de recadar tres mil millóns de euros, mentres que o aumento deste imposto si vai afectar ao peto da maioría da cidadanía “demostrando unha vez máis que o peso tributario non se reparte de forma nin equitativa nin xusta”. O voto negativo do PP era argumentado polo seu voceiro, Alberto Pazos, quen aseguraba que a exención no pago do IBI beneficia non só a Igrexa católica, senón tmaén a outras confesión relixiosas e organismos e que responden ao “carácter social das sáusobras”. Aproveitaba tamén a súa intervención para atacar o cambio de poiscionamento do PSOE “que durante anos no goberno estatal non fixo nada pro cambiar estes “beneficios” e que agora vota pola súa supresión en Redondela. O socialistas Luís Orge defendía o dereito a cambiar de opinión e dende o BNG, Cecilia Pérez amosaba tamén a súa conformidade co texto da moción. O apoio de ambos os dous partidos fixo posible que o texto saira aprobado.