Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Reparto de puntos na Xunqueira para o Choco

RR_Noticias

Os redondeláns conseguiron remontarlle ao Pontevedra B un partido que se lles puxo en contra desde os primeiros minutos. Un gol de Aitor no minuto 85 fixo o 2-2 definitivo co que o Choco sumaba un punto. Deste xeito mantéñense en postos de ascenso. Na Primeira Autonómica o triunfo do Chapela diante do Porriño Ind. deixa ós de Casales máis afastados da zona de perigo.

Preferente Autonómica Sur
Pontevedra B 2-2 Choco
Reparto de puntos no encontro disputado na Xunqueira do Vao, nun encontro de ida e volta. Na primeira metade foron os locais os que dominaron o xogo, e puideron poñerse por diante xa no min. 22 de non ter fallado un penalti. Pero catro minutos máis tarde chegou o gol de Sylla tras unha falta botada por Javi Nogueira. Pouco despois, no minuto 31, Iago igualaba para os redondeláns nunha acción similar. Xa na segunda metade o Choco dominou o xogo e tivo varias ocasións claras para poñerse por diante. Pero foron os granates os que se adiantaron cun bo remate de Curry a centro de Eirín. Era o minuto 54. Os de Jacobo Montes asediaban a portería rival, pero sen acerto. Tiveron que agardar ata o minuto 85 para sumar o gol do empate, cando Ropero aproveitou un rexeite e un pase a Aitor que o dianteiro transformou. O partido acabou con polémica xa que o público pontevedrés reclamou un penalti no minuto 95, pero o árbitro sinalou o cartón amarelo ó dianteiro local por tirarse. O empate permite ó Choco afianzarse na segunda praza da Preferente Autonómica cando restan catro xornadas de liga. A próxima enfrontaraos en Santa Mariña diante do Cruceiro de Hío, equipo da parte baixa da táboa.
Primeira Autonómica
Chapela 1-0 Porriño Industrial
Un gol de Jonás deulle a vitoria ó Chapela, que fixo un xogo moito máis efectivo que os da Louriña. Os tres puntos permítenlle ós de Juan Casales afastarse dos postos de perigo e ter case garantida a permanencia na categoría. A próxima fin de semana teñen unha saída complicada, xa que visitan o campo do Gondomar, o cuarto clasificado do grupo.
Segunda Autonómica
Arcade 1-3 C.Pontevedra
A derrota diante dos pontevedreses deixa ó Arcade case sen opcións de salvar a categoría. Agora son 16º, e a próxima fin de semana xogan no campo do Beluso (9º)
Terceira Autonómica
Cesantes 3-2 Cruceiro
Os redondeláns despediron a liga cunha vitoria sobre o Cruceiro, o que os deixa na 8ª posición do grupo
Caroi 1-4 Soutomaior
A vitoria do Soutomaior sobre o Caroi levounos a consolidarse como campións do G-16 na última xornada de liga. Ascende polo tanto este equipo, logo de ter quedado ás portas nos últimos sete anos. Está previsto que o seu adestrador, Arturo, reciba unha homenaxe.
Pereiró 6-0 Chapela B
O Pereiró xa gañaba por 4-0 no descanso, e na segunda metade o filial do Chapela xa baixou os brazos. A derrota deixa ós redondeláns na antepenúltima praza do grupo. A próxima xornada reciben ó Casablanca, tamén da parte baixa da táboa.
San Esteban 2-1 Choco B
O Choco plantoulle cara ó líder, pero os locais fixéronse coa vitoria nun encontro no que houbo moitas alternativas. A próxima fin de semana os redondeláns reciben ó Pereiró.
Sanguiñeda 2-3 At.Vilar
A vitoria leva ó Vilar ata a 11ª praza do grupo. A próxima fin de semana reciben ó Vincios, co que están empatados a puntos.
Juvenil 2-2 Nespereira
O empate deixa ós de Pazos na 5ª praza do grupo. Na próxima xornada reciben ó Cumiar, da parte baixa da táboa.
Remo-Campionato de España de Bateis
O C.R. Chapela fíxose co bronce na categoría Promesa Feminina no Campionato de España de Bateis disputado en augas de Meira, Moaña. Na proba cumpríronse os prognósticos máis optimistas para os equipos galegos, que gañaron os sete títulos en xogo, ademais de tres medallas de prata e catro de bronce.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará