A presentación oficial da formación política tivo lugar na Casa da Cultura, un espazo que quedou pequeno para acoller aos veciños que se achegaron a esta asemblea presentación na que se deron a coñecer as bases ideolóxicas das que parte o Novo Proxecto Común que se está a constituír en diferentes concellos de toda Galicia, entre eles en Redondela.
A nova formación defínese de esquerdas, nacionalista, de principios republicanos e reivindican o asemblearismo e a participación horizontal como modelo de funcionamento. Dende o colectivo fan un chamamento a todos os que queiran achegarse a participar activamente nun proxecto que quere “facer política dende outra perspectiva, dende abaixo cara arriba”. Reivindican a política como mecanismo lexítimo para mudar a sociedade e lembran a necesidade de traballar de xeito participativo e horizontal así como a necesidade de artellar tamén este proxecto en Redondela como resposta a situación actual na política local que cualificaron de “devastadora” logo de anos onde os partidos “se negaron a escoitar ao movemento asociativo e apostaron maioritariamente polas actuacións de escaparate”. Desta primeira asemblea saíu unha coordinadora que se encargará das xestións de cara a convocar unha vindeira reunión na que se abordarán puntos concretos e na que se tentará aglutinar a un número maior de simpatizantes. Así, ao longo do debate se insistía en que o Novo Proxecto Común “é un proxecto absolutamente integrador” no que teñen cabida todos os que desexen achegase.