Calidade pero tamén cantidade serán as protagonistas do evento gastronómico que se celebra os días 12 e 13 de maio en Redondela. Unha cita que este ano está organizada conxuntamente pola Comisión de Festas, o Concello e a Asociación de empresarios e que cotará coa presencia do televisivo José Ramón Gayoso, encargado da lectura do pregón o domingo ás 12:30 horas.
A organización estima que poderían ser 30.000 as persoa que durante esta fin de semana pasen por Redondela co gallo da celebración da festa gastronómica que este ano chega a súa XXVI edición. Un evento que presenta algunhas novidades con respecto a edicións anteriores, como o feito de contar entre os seus organizadores cunha maior presencia institucional. Así, á Comisión de festas súmanse nesta edición o propio concello, a Asociación de empresarios e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo, segundo explicaba o alcalde Javier Bas, sumar forzas e darlle un pulo á festa para conseguir que se converta na cita gastronómica máis importantes do sur de Galicia. Tamén na organización un ano máis a confraría de pescadores que se amosa optimista logo de que no que vai de campaña se teñan capturado máis de 26.700 quilos de cefalópodo, unha cifra que supera a capturada durante toda a pasada tempada. Un bo ritmo de captura que esperan manter ata que se peche a campaña, o vindeiro 30 de xuño. Esperan tamén que se manteñan os prezos que este ano sitúan o quilo de choco nas prazas por riba dos 6’50 euros, o que segundo o secretario da Confraría Anxo Lusquiños “case duplica o prezo que se manexaba o ano pasado”. E non esquecemos a un vello veterano: Jaime Villaverde, na organización dende os seus inicios vinteseis anos atrás. O presidente da comisión salientaba os apoios cos que vai contar a celebración este ano e non deixaba pasar a ocasión para amosar o seu apoio a unha polémica medida adoptada polo goberno local: a retirada dos plataneiros do Campo da feira que segundo Villaverde vai facilitar a celebración da festa. A apertura das casetas de degustación terá lugar ás 12:30 horas do sábado, onde se servirán os chocos preparados na súa tinta, con arroz e á prancha a oito euros, mentres que a ración de empanada poderase degustar a 5 euros a de trigo e a 7 euros a de millo. O pregoeiro este ano será o presentador do programa Luar da TVG José Ramón Gayoso, e haberá ademais as tradicionais verbenas o sábado amenizada pola Orquestra Atlanta e o grupo Quinta Avenida e o sábado a cargo do grupo Alcotán.