Unha intrépida viaxe entre un home e un peixe será o espectáculo encargado de abrir a programación de sala do Festival Internacional de Títeres. Esta noite en dúas funcións, ás 21:00 e pro primeira vez ás 23:00 horas, o Multiusos acollerá esta obra a cargo da compañía murciana Onírica Mecánica. Mañá xoves a quenda será para Os trogloditas de Tanxarina. Na rúa os cativos poderán aprender a facer o seu monicreque nun obradoiro que se desenvolverá na Pista da Xunqueira a partir das cinco da tarde.
A programación de adultos arranca hoxe mesmo coa compañía Onírica Mecánica que recupera na súa obra a figura dos antigos contadores ambulantes que percorrían as vilas contando historias fantásticas. Jesús Nieto, creador da compañía, será o encargado de ofrecer ao espectador unha intrépida viaxe entre un home e un peixe empregando para elo técnicas variadas e unha proposta innovadora.
Mañá xoves as actividades arrancarán xa ao mediodía cunha “jaiteirada” e durante toda a xornada haberá representación nos xardíns da Alameda, na praza do Concello, na Casa da Torre e na Pista da Xunqueira, lugar no que a Asociación Xoeira desenvolverá un obradoiro de creación de monicreques, onde nenos de entre 4 e 14 anos poderán aprender e crear os seus propios bonecos articulados.
Os trogloditas de Tanxarina serán os encargados de pechar a xornada cunha actuación ás 21:00 horas no Multiusos.