Música tradicional, actividades para o público infantil e citas humorísticas centran a programación que se vai celebrar esta fin de semana con gallo de conmemorar o ano no que o Círculo Cultural e Recreativo de Chapela cumpre 45 anos de historia. Dende a dirección da entidade o seu presidente, Emilio Sánchez Santorio, apuntan que este é tan só “o pistoletazo de saída” dunha programación que se prolongará durante todo o ano.
Nesta fin de semana convocan aos veciños a participar das diferentes citas organizadas en colaboración co Concello e que arrancará cun festival folclórico o sábado ás 17:00 horas no que actuarán os grupos de gaitas de Vilar, as pandereteiras de Cabeiro e o grupo de baile de Cesantes, así como os grupos do propio C.C.R. de Chapela. Xa pola noite celebrarase un bingo social a partir das 23:00 horas e un Karaoke.
O domingo a xornada arrancará cun obradoiro de papiroflexia ás once da mañá e unha hora despois Oier Sainz será o encargado de dirixir diferentes actividades orientadas aos nenos. Pola tarde haberá música cun concerto ás 18:30 a cargo da Banda de Música de Redondela e humor cunha actuación do monologuista David “Gun” Guntín.
A xornada rematará coa música da Coral Polifónica “Flor Nova” ás 19:30 horas.