Ao berro de “banqueiros ladróns, queremos solucións” e “manos arriba esto es un atraco” un cento de afectados pola venda de accións preferentes mobilizáronse na mañá de hoxe en Redondela para esixir unha solucións para os milleiros de galegos que teñen os seus cartos inmobilizados neste tipo de produto financeiro.
A mobilización foi convocada pola Plataforma de afectados polas preferentes do Morrazo, a quén se sumaron tamén a recen constituída plataforma de Redondela, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Soutomaior. Os manifestantes congregábanse as dez da mañá na oficina de Nova Galicia banco na praza de Ribadavia. Logo de media hora diante da sucursal cunha pancarta na que se podían ler as súas reivindicacións os afectados polas preferentes marcharon pola rúa Alfonso XII ata chegar á sucursal que a entidade bancaria ten diante da Casa do Concello. Alí, o proceder foi o mesmo, un grupo entrou na sucursal mentres que os mais quedaron ás portar da oficina facendo oír as súas demandas acompañados de pitos e berros. Un dos manifestantes chegados de o Morrazo, Fernando Álvarez Piñeiro explicaba nos nosos micrófonos nunha entrevista a pé de rúa a necesidade de se mobilizar para que tanto as entidades bancarias que venderon e colocaron preferentes de xeito enganoso aos seus clientes como os propios responsables políticos tomen cartas no asunto e devolvan eses cartos aos afectados. Entre os manifestantes podíanse ver veciños do noso concello quen están tamén a sumarse a estas plataformas conscientes de que “a unión fai a forza”. Dende a Plataforma de Redondela, Pazos, Fornelos e Soutomaior teñen solicitada xa unha reunión co alcalde Javier Bas, e o vindeiro venres 25 de maio ás 20:00 horas convocan a todos os interesados a asistir a unha xuntanza que terá lugar na casa da cultura de Redondela. Carlos Igrexas é un dos afectados e promotor da plataforma na nosa comarca insiste en que aínda hai moita xente que descoñece ser afectada porque non saben exactamente que tipo de produto lle vendeu o seu banco, motivo polo que fan un chamamento a todos os veciños para que consulten na súa entidade e aclaren se os seus aforros poden recuperalos cando queiran ou se, pola contra, como lles pasa aos propietarios de preferentes, estes cartos están investidos a perpetuidade.