As chuvias intermitentes que nos acompañaron durante a fin de semana non desanimaron aos milleiros de visitantes que se achegaron a Redondela para gozar dos títeres. A XIII edición volveu ser un éxito de público malia os recortes orzamentarios e converte ao noso concello en todo un referente cunha cifra de asistencia que os organizadores sitúan nos 35.000 espectadores.
Satisfacción entre os organizadores do festival logo de que caira o pano. O mal tempo e as precipitacións volveron poñer a proba a fidelidade do público que anualmente se achega ao noso concello para gozar dos espectáculos máis innovadores, un público que aínda que con paraugas non deixou de acudir a Redondela para poder asistir aos diferentes espectáculos en rúas, prazas e Alameda, así como ás actuacións de sala.
A cita deste ano pechouse onte co espectáculo de Sofie Krog no Multiusos e as actuación de rúa a cargo do británico Rod Burnett, os búlgaros Teatro de marionetas de Varna ou os murcianos Los Claveles, entre outros.
Festa do Ovo
Éxito de público tamén noutra cita ben diferente, a Festa do Ovo de Nespereira en Pazos de Borbén que vivía onte a súa oitava edición. Un evento gastronómico que promove pratos tan sinxelos e de andar por casa como os ovos caseiros fritidos con patacas e chourizo. Prezos económicos e calidade nos produtos gastronómicos son o segredo dunha festa na que se repartiron 1.500 racións. Os asistentes puideron tamén degustar grelos con chourizo, tortilla, empanadas, ensaladas e como sobremesa, filloas.