Os grupos Güintervan, Tabula rasa e Tridentes actúan este sábado na Casa do Pobo de Lourido en Soutomaior. O prezo da entrada é de 3 euros e ao finalizar o concerto todos os que o desexen poden prolongar a noite subindo ao escenario e interpretando os seus propios temas.
A novidosa proposta do grupo Güintervan, cun sorprendente repertorio no que atopamos temas onde se mestura a tradición do folk galego coa música de raíz búlgara sen esquecer a canción lixeira italiana, será unha das protagonistas deste primeiro Festival Rural Son do Cortello que se vai desenvolver este sábado na Casa do Pobo de Lourido en Soutomaior. Unha iniciativa que parte dun grupo de amigos de Soutomaior que buscan que esta actividade conte co apoio do público do propio concello pero tamén de Redondela. De feito, ademais dos Güintervan pasarán tamén polo escenario o grupo Tridentes e Tabula Rasa que contarán co apoio dos músicos David Salvado, Jonathan Balbuena e Malvares de Moscoso. Proxectarase ademais o video “Mama Cachorra” de El Hombre Invisible. O concerto, que conta coa colaboración da Asociación de veciños Santo Anxo de Lourido, arrancará ás 22:00 horas.