Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis de 300 persoas visitaron San Simón na primeira fin de semana da ruta marítima

RR_Noticias

A ruta regular que une os portos de Cesantes e Chapela coa illa ofrece saídas catro días á semana, que este mes serán de balde. A viaxe inclúe un percorrido pola enseada e a visita guiada a San Simón e San Antón. Co gallo das Festas da Coca ampliaranse as viaxes, que por mor das mareas serán en horario de tarde. As reservas poden facerse na oficina de turismo de Redondela, na Alameda, e no teléfono 986.401.713.

Desde que o pasado venres comezou a funcionar ruta regular da navieira Cruceros Ángel, máis de 300 persoas achegáronse xa a San Simón desde os peiraos de Cesantes e Chapela. Ata o mes de setembro poderán facelo todos os veciños e visitantes que o desexen, con saídas os mércores, venres, sábados e domingos, ás 12.00 e ás 14.00 horas. A partires do mércores poderá facerse a través da páxina web do Concello (www.redondela.es). Ó longo de todo este mes de xuño as viaxes serán gratuítas, e tamén haberá servizo na xornada do xoves, festivo local. Con todo, os horarios serán de tarde, por mor da marea, con saídas ás 16.00 e as 17.30 horas. A partires do mes de xullo o prezo será de 5 euros para os adultos e 1 euro os nenos. Este é o prezo que cobra a Fundación da Illa San Simón para o mantemento das instalacións, xa que a viaxe en barco será financiada totalmente polo Concello. Con todo, as asociacións e colectivos veciñais de Redondela poderán facer reservas para grupos a un prezo reducido de 3 euros por persoa. Na viaxe inaugural do venres xa participaron representantes de diferentes colectivos redondeláns que avanzaron a súa intención de organizar viaxes cos seus socios. Ángeles, da Asociación de San Estevo de Negros, visitaba por primeira vez San Simón, e dixo estar “impresionada” pola beleza da illa e a súa historia. Agora a súa intención é organizar unha excursión cos socios da súa parroquia. Marisma Máis A iniciativa foi posta en marcha polo Concello dentro do proxecto “Marisma Máis”, que conta con fondos da UE, en colaboración coa Xunta, a través da Fundación Illa de San Simón. O presidente da fundación, Xavier Alonso, amosábase moi satisfeito por poder contar cunha liña de transporte que faga a illa accesible ós veciños, aos que animaba a “participar no proxecto e coñecer a illa”. A delegada territorial da Xunta en Vigo, María Xosé Bravo, participaba tamén na viaxe inaugural, e amosouse satisfeita, tamén a nivel persoal xa que coñece “desde nena” tanto Cesantes como a illa. O alcalde de Redondela, Javier Bas, destacaba que estas viaxes son “un motivo máis” para achegarse a Redondela, e que o seu obxectivo é “que non quede ningún veciño sen visitar a illa”. A viaxe inclúe unha ruta pola enseada de San Simón e a visita guiada á illa, para coñecer a historia deste enclave e dos seus edificios, que albergaron un lazareto, unha cárcere e un orfanato, en diferentes épocas da historia.  

Ángeles AA.VV Negros
Os colectivos de Redondela organizarán viaxes para os seus socios.
Xavier Alonso presidente da Fundación
Desde a Fundación animan ós veciños a achegarse a illa e coñecela.
María Xosé Bravo delegada da Xunta
Bravo salientou a importancia de contar cunha liña de transporte regular a San Simón.
Javier Bas alcalde
O obxectivo do rexedor é que non quede ningún redondelán sen coñecer a illa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará