O roteiro, organizado polo Centro Cultural de Trasmañó, desenvolverase na xornada do sábado día 9 con saída ás 9:30 horas dende a Igrexa da parroquia. O obxectivo da actividade, na que se inclúe a escenificación dun enterramento, é dar a coñecer aos participantes a riqueza en arquitectura prehistórica da zona.
A andaina, na que poden participar todos os que o desexen xa que é de dificultade baixa, partirá ás 9:30 horas de mañá sábado dende a Igrexa de Trasmañó para dirixirse ao Coto Fenteira, onde se poderán ver xa os primeiros restos arqueolóxicos da zona. Continuarase ata o petroglifo da Coutada de Como, o Castro de Negros, a necrópole de Chan da Cruz e se visitará a Mamo do Rei onde se escenificará un enterramento. O percorrido rematará nos petroglifos da Poza da Lago onde está previsto que se celebre un xantar. Durante todo o traxecto contarase coas explicación do arqueólogo Xurxo Constela, coñecedor do patrimonio cultural que dirixirá algunhas das actividades previstas durante o percorrido. Os organizadores animan aos veciños a participar e lembran que o único requisito é levar unha vestimenta axeitada así como auga e comida no caso de que desexen quedar a xantar.