A Plataforma de Redondela pola Derrogación da Lei de Augas de Galicia entregou na mañá de hoxe no rexistro do Concello preto de dúas mil sinaturas solicitando a retirada da antedita lei por considerar que supón o primeiro paso de cara a privatizar un ben público e imprescindible como é a auga.
Con esta iniciativa apoian a moción que se vai debater no Pleno ordinario do vindeiro xoves e na que se pide o apoio da corporación para solicitar á Xunta a derrogación da lei 9/2010 de Augas de Galicia. Unha normativa que segundo denuncian os asinantes suporá un cambio na actual xestión da auga, xa que en moitas parroquias lles resulta gratuíta aos veciños logo de que a Comunidade de Augas correspondente xestionara no pasado a realización de obras que permita que os comuneiros reciban esa auga de balde. É o caso por exemplo da comunidade de augas de Negros, onde segundo explicaba o seu presidente José Antonio Crespo “os comuneiros gastaron os seus cartos e agora van ter que pagar un canon por un servizo que recibían de balde”. Noutras comunidades, como en Soutoxuste, Moisés Iglesias explica que se pagan 25 euros para o mantemento da infraestrutura, unha cota que se podería duplicar de cumprírense as previsión que falan de que a lei podería aplicar unha cota de 20 euros. Dende a Plataforma, Bea Fervenza explicaba que continuarán coa realización de asembleas informativas para dar a coñecer as repercusións que a lei tería de chegar a aplicarse. E dentro dese calendario de mobilizacións que están a desenvolver entregaban hoxe 1.838 sinaturas a nivel particular así como 19 alegación de colectivos que amosan o seu rexeitamento á lei de augas porque “é unha lei que permite a privatización da auga, un recurso natural que non pode ser propiedade dunha empresa que a xestione”.