Un total de nove restaurantes da localidade súmanse este ano á iniciativa que promove a gastronomía local cunha oferta dunha completa mariscada para dúas persoas por 80 euros. Francisco Corral do restaurante Veiramar espera superar o éxito de edicións anteriores xa que os clientes aforran unha media de “40 ou 50 euros pro menú” e confía en que a hostalaría local non se vexa afectada pola crise.
O menú que ata o vindeiro domingo día 1 poderán degustar os comensais que se acheguen aos locais participantes da iniciativa consiste nunha completa mariscada composta de doce ostras, unha centola, seis lagostinos, percebes, unha lagosta, catro vieiras, navallas, dúas sobremesas e unha botella de Abadía San Campio. Unha iniciativa que parte da Asociación de empresarios de Arcade Soutomaior e que é aplaudida polos hostaleiros participantes que entenden é un xeito de promover a gastronomía local e animar aos turistas a se achegar ao concello. Esa é a opinión do propietario dun dos locais participantes, o restaurante Veiramar que espera que nesta edición se supere o número de clientes que poderán ademais optar a diferentes premios entre os que se atopa unha estancia dunha fin de semana no Castelo de Soutomaior, unha fin de semana na casa de turismo rural María Bargiela, nove mariscadas para dúas persoas e tres cheques regalos de 50 euros así como 9 lotes de viño de Abadía San Campio. Os locais participantes son o Restaurante Avenida, o Restaurante Isape, a Marisquería Arcade, O Recreo de Arcade, O Rincón de Arcade, o Restaurante Arcadia, o Restaurante Ría de Arcade, o Restaurante Veiramar e a Tapería Bonsai.