O Seminario de Estudos Redondeláns presenta esta tarde ás 20:00 horas o seu sexto boletín, nun acto que terá lugar na Casa da Torre e no que contará coa presenza do vicepresidente da Fundación Castelao, Alfonso Paz-Andrade, autor do prólogo do libro.
Neste acto, aberto a todo o público que queira achegarse, estarán presentes boa parte dos articulistas que de xeito desinteresado participan na elaboración do boletín, no que se abordan temas de ámbito local con referencias aos seus personaxes históricos, como Isidoro Queimaliños ou Alejandro Otero, pero tamén reflexións en torno á nosa cultura, xeografía e arquitectura. Neste número participa Xosé Couñago, José Antonio Orge, María Iglesias, Amado Ricón, José Ramón Iglesias, Isaac Araujo, Carlos Antuña ou José Angel Xesteira.