O voceiro do PP, Alberto Pazos, asegura que xa se iniciaron as xestións coa nova delegada de Costas do Estado en Pontevedra, Cristina Paz de cara a lograr financiamento para recuperar no prazo máis breve posible a insfraestrutura que fora retirada da praia logo de derrubarse en outubro do 2009.
Un compromiso que os populares fixeron público logo de que o PSOE lle trasladara ao equipo de goberno unha petición da Asociación das festa do Carme de Cesantes neste sentido. O socialista Leonardo Cabaleiro aseguraba que a importancia deste embarcadoiro era indiscutible “por dar servicio aos mariñeiros e servir de lugar de evacuación, facilitar a chegada de visitantes procedentes doutros puntos da ría, ser o lugar empregado pola procesión para o seu desembarco nas celebración mariñeira e, en definitiva ser unha icona turística da praia de Cesantes”. Unha petición que foi recollida co certa ironía por parte do PP. O edil Alberto Pazos, logo de asegurar que xa se estaban a facer as xestións oportunas orientadas a lograr a construcción dun novo pantalán na zona, manifestaba a súa sorpresa “porque o PSOE se preocupe agora por esta instalación cando durante anos fixo caso omiso ás peticións dos veciños a este respecto”. O pantalán derrubárase hai practicamente tres anos, en outubro de 2009, logo dunha forte treboada que acabou cunha estrutura xa moi deteriorada e que dende semana antes permanecía pechada ao público pola evidente falta de seguridade que presentaba.