Os remeiros de Chapela non tiveron rival esta fin de semana e fixéronse coas dúas regatas disputadas en augas de Redondela e Ares. Dúas vitorias que serven para que os de Fran González se afiancen ao fronte da clasificación xeral por diante do favorito, o equipo de Amegrove, cunha vantaxe de cinco puntos.
O resultado foi o máis agardado na XXVI bandeira Concello de Redondela que se disputaba onte en augas de Arealonga. Malia a dura oposición dos seus rivais máis directos, os remeiros de Amegrove, foron os de Chapela os que se fixeron coa vitoria. Cun mar en calma e unha mañá de bo tempo, os chapeleiros colocáronse a cabeza da regata dende o primeiro momento, e aínda que os de Amegrove non lle permitiron acadar unha gran vantaxe e durante todo o percorrido se mantiveron a tan só uns centímetros por detrás, non foron quen de superar aos de Chapela que chegaron os primeiros a meta seguidos moi de preto por Amegrove e ocupando o terceiro lugar os de Samertolameu.
Un triunfo que os afianza no primeiro posto da clasificación xeral da Liga galega A con 38 puntos, sacándolle unha vantaxe de cinco puntos aos segundos. Un liderato que os homes de Fran González lograban xa na xornada anterior logo de vencer na Bandeira Concello de Ares.
Bastante peor lle van as cousas aos remeiros de Cesantes, que ocupan o noveno posto da clasificación na Liga galega B e que non conseguían mellorar os seus resultados nas probas disputadas na fin de semana, o sábado en Rianxo e onte domingo en O Grove.