O concelleiro responsable da área, Cándido Vilaboa, nega que o Concello pagase o arranxo do vial, deteriorado polas obras do AVE, tal como denuncia o BNG redondelán. O edil engadiu ademais que o camiño, que atravesa Quintela e Saxamonde, “non quedou ben reparado reparado”, polo que esixirá á empresa concesionaria que o deixe “en perfectas condicións”.
Desde a Concellería de Vías de Obras son contundentes ante as críticas do grupo municipal do BNG, que denunciou que o Concello asumise un gasto “que non lle corresponde”. Vilaboa afirma que o único que fixo o seu departamento foi reunirse cos veciños “e preocuparse porque o camiño deteriorado polas obras do AVE fora reparado”. O concelleiro explica que foi a propia empresa concesionaria a que asumiu a totalidade dos traballos de reparación, sen custos para o Concello. Con todo, sinalou que non está “completamente satisfeito” co resultado, polo que esixirá á empresa que repare os danos que aínda non están arranxados.