Os nacionalistas denuncian que esta práctica incumpre a ordenanza municipal, que prohibe colocar carteis fóra das zonas destinadas para tal fin. Por este motivo esixen ó goberno local que faga cumprir o regulamento, no que se prevén multas de entre 750 e 1.500 euros.
As corridas de touros programadas para as Festas da Peregrina, en Pontevedra, provocaron unha vez máis a denuncia do BNG redondelán. A concelleira, Cecilia Pérez Orge, advirte que as marquesiñas das paradas de autobús de Redondela están a ser utilizadas pola empresa que organiza estes festexos para pegar os seus carteis, o que causa “deterioro no mobiliario urbano de propiedade municipal”. Este feitos levaron ó Bloque a instar ó goberno local para que faga cumprir a Ordenanza Reguladora da xestión e do tratamento de residuos sólidos urbanos, da limpeza de espazos públicos e da salubridade. A ordenanza prohibe expresamente colocar carteis fóra dos elementos colocados para tal fin. Tamén se cataloga este tipo de pegada no mobiliario urbano, como falta grave, o que pode ser obxecto dunha multa de entre 750 e 1.500 euros. No caso de reincidencia da infracción pódese chegar aos 3.000 euros. O BNG expresa tamén o seu rexeitamento frontal “ás torturas ás que son sometidos os touros na denominada festa nacional”.