Mozos procedentes de Serbia, Macedonia e República Checa traballarán na recuperación do río Fondón xunto con voluntarios redondeláns. O obxectivo do programa é concienciar á sociedade da importancia de manter limpos e coidados os espazos fluviais.
O Concello de Redondela promove un programa de intercambio xuvenil internacional co obxectivo de reflexionar e actuar sobre os ríos. Entre os días 9 e 19 de setembro Redondela albergará mozos de Serbia, Macedonia e a República Checa que, xunto con outros de Redondela, poderán partillar experiencias e coñecementos sobre a materia. O programa de actividades inclúe a visita, avaliación e mellora do río Fondón, a organización de xogos e campañas de concienciación ambiental, unha visita á Illa de San Simón, formación en conservación de ríos, actividades de intercambio cultural e información sobre programas de intercambio xuvenil entre os diferentes países de Europa. O programa divídese en tres fases. A primeira, que se realiza actualmente, inclúe o traballo en rede entre os países participantes, a realización dun blog colectivo e a avaliación por parte de cada país participante dos ríos no seus lugares de orixe. Este traballo será posto en común na segunda fase, cando cheguen a Redondela os mozos, entre os días 9 e 19 de setembro, onde os voluntarios poderán compartir experiencias e coñecementos. A terceira fase centrarase na avaliación do proxecto. O programa está aberto á participación da mocidade redondelá. Quen teña interese en participar poderá dirixirse á páxina web do concello e cubrir un formulario de prescrición ata o día 21 de Agosto. As prazas para participar de forma plena no programa son limitadas: catro mozos ou mozas entre 18 e 25 anos e un mozo ou moza entre 26 e 30 anos de idade. Aquelas persoas interesadas en participar tamén nalgunha das actividades do programa poderán facelo. En colaboración coa cooperativa Trespés e entidades da República Checa, Serbia e Macedonia, o Concello recibiu unha axuda de 14.460 € do “Programa la Juventud en Acción” para organizar esta actividade. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, salienta que “o obxectivo principal deste intercambio é concienciar da importancia da conservación dos ríos”, identificar as súas principais ameazas e determinar actividades para a súa mellora.