A embarcación de Amegrove conseguiu onte revalidar o título de campións da liga Galega de Traiñas ao cruzar a liña de meta seis segundos por diante dos redondeláns, nunha emocionante e apertada regata disputada en augas de Cabo de Cruz. A Bandeira Concello de Boiro premitiulle ós amarelos facerse coa liga, a pesar de finalizar a temporada empatado a puntos con Chapela, que viu como se lle escapaba unha liga que liderara desde o seu arranque.
Os do Grove efectuaron unha saída discreta, pero metro a metro conseguiron arrincarlle máis segundos a Chapela. A chegada foi espectacular, coa traiñeira do Grove en primeira posición e Chapela pisándolle os talóns. O feito de que ambas remasen á vez, xa que o sorteo inicial deparoulles as boias 3, Chapela, e 4, Amegrove, contribuíu a incrementar a emoción. Os de Redondela quedaron sen premio logo dunha espléndida temporada e un duro traballo. Chegaban á última proba puntuable dous puntos por diante dos grovenses, que durante o campionato foro de menos a máis, mentres Chapela perdía forza. A vitoria de Amegrove en Cabo de Cruz deixaba ós dous equipos empatados a puntos, pero o maior número de vitorias deulle o título de Liga os do Salnés.
Mecos gaña a LGT-B e consegue o ascenso
A final da liga “B”, disputada en augas de Cesantes, tamén resultou emocionante até o último segundo. Mecos proclamouse campión, pero houbo que esperar até os últimos metros para decidir o vencedor, xa que estiveron moi igualados con Perillo. Ao non estar o campo de regatas en condicións, con diferenzas entre balizas, houbo que recorrer a celebrar esta definitiva xornada a diario de persecución e contrarreloxo, con saídas das nove tripulacións nunha soa manga e con diferenzas dun minuto entre un e outro. Os organizadores, o CCD Cesantes, acabou na última praza. Con todo, os redondeláns valoran positivamente á volta á competición de traiñeiras logo de dez anos fóra dos circuítos, e agardan consolidarse o próximo ano e mellorar resultados.