O Viso acolle o sábado unha nova edición desta festa na que se unen tradición e cultura galegas. Un xantar popular, obradoiros para toda a familia, grupos musicais e ata un percorrido en “Meighachimpíns” conforman o programa desta XI edición. Unha atractiva oferta para todos os públicos.
O Torreiro da Gándara, na parroquia do Viso, acolle este interesante festival no que se dan cita os amantes da cultura, a música e a tradición galegas. O lugar da celebración é un dos cambios desta edición, xa que o recorte no orzamento obrigou á organización a abandonar a cima do monte Outeiro Grande. Xosé Covelo, do colectivo Lúa Meiga, explica que a crise e os recortes no apoio institucional obrigou tamén a reducir o festival a un só día. Con todo, a esencia da festa mantense, concentrando nunha única xornada un amplo número de actividades. A XI Noite da Lúa Meiga comezará no mediodía do sábado, día 25, cunha concentración de “Meighachimpíns”. Con estes típicos vehículos do rural decorados polos veciños da parroquia ábrese a festa, e logo pola tarde farán un percorrido festeiro pola zona, chamando a toda a xente a participar na festa. A decoracións dos “chimpíns” comezou de xeito “espontáneo” por parte dos veciños da parroquia, como conta Xosé Covelo, e hoxe están xa “plenamente integrados” na programación la Lúa Meiga. Os asistentes poderán comer no recinto da festa xa que se organiza un “xantar popular” no que non faltarán o polbo, empanadas, chourizos, tortillas e outros produtos típicos. Pola tarde haberá actividades dirixidas ó público infantil, ao que Lúa Meiga reserva un lugar especial. A asociación Xoeira realizará un obradoiro titulado “Faia a Túa Meiga”, onde os máis pequenos poderán deixar voar a súa imaxinación. E non faltará o baile para toda a familia a cargo do mestre Xabier Iglesias, que desenvolverá un obradoiro de Xogos Bailados, para achegar os nenos ó baile tradicional. As actuacións musicais correrán a cargo de Cé Orquestra Pantasma, As Chispas de Compostela, As Lagharteiras, Carapaus e Zurrumalla. Un ano máis a “festa rachada” está garantida no Viso.