Dispútase do 28 de agosto ao 2 de setembro, nas categorías Senior masculino, Senior mixto e Xuvenil. Os gañadores optan a interesantes premios en efectivo e material deportivo. A inscripción está aberta ata o próximo luns, 27 de agosto.
Logo do éxito acadado no IX Torneo de Fútbol Sala de Chapela, coa participación de 126 equipos, o Arealonga F.S. pon en marcha outro torneo en Cabeiro. Rafa Cadilla, da organización, sinala que o obxectivo é “fomentar a práctica deste deporte”, e pouco a pouco consolidar este torneo en Cabeiro, tal como aconteceu en Chapela. Coa colaboración do Concello pretenden tamén poñer en valor estas instalacións, nas que se xoga a liga local e onde adestran habitualmente. A inscrición está aberta ata o día 27 de agosto no establecemento O Chusco, na praza da Constitución. O prezo é de 100 euros para os equipos senior masculino, 80 euros para os mixtos e 70 para os xuvenís, debendo achegar todos 20 euros máis en concepto de fianza. Os premios van desde os 100 ata os 500 euros nas categorías absolutas e material deportivo para os xuvenís. Tamén teñen previsto realizar outro torneo en Cabeiro nas vacacións escolares de Nadal, para as categorías inferiores. Deste xeito buscan animar ós máis pequenos a practicar deporte nun ambiente de “amizade e compañeirismo”. No Arealonga F.S. contan cunha ampla canteira, moitos nenos e nenas que comezan a practicar o fútbol sala desde os 4 anos en adiante, e contan con equipos en todas as categorías. Cadilla explica que o máis importante “non é que os nenos compitan”, senón que practiquen unha actividade saudable e participen dos valores do deporte. Máis información nos teléfonos 665.952.951 e 662.111.339.