Diferentes técnicas, formatos e temáticas dánse cita na mostra desta pintora local, que reúne unha trintena de obras na Casa da Torre. Todas comparten o gusto de Perelló polo realismo, que reflicte con gran sensibilidade e dominio da técnica.
A sala de exposicións do albergue de peregrinos acolle esta colección, e ademais ven de ampliar o prazo da mostra, que se prorroga ata o domingo 2 de setembro. A pintora fala da colección como un percorrido “por toda a súa traxectoria”, que comezou como autodidacta, para formarse logo na Escola Municipal de Pintura e Debuxo con Suso Ben. Asegura que a súa evolución como artista é “constante”, aprendendo sempre cousas novas. Son moitos os cadros expostos, aínda que a pintora salienta dous deles, o Pantocrátor, que a través de técnicas de relevo consegue dar a sensación de ser unha escultura, e unha imaxe dunha nena afgá lendo un libro, que salienta “pola súa cor e polo significado”. Un amplo percorrido pola pintura de Marga Perelló que poden visitar todos os días en horario de 13.00 a 22.00 horas.