O colectivo Senghasoil arranca hoxe o Artelixo con dúas semanas de exposicións, obradoiros e actividades para todos os públicos. A acollida do certame, con máis de 35 esculturas feitas con material de refugallo, pon de relevo unha vez máis o dinamismo da veciñanza. A inauguración será ás 21.30 horas na Alameda.
O Artelixo volve encher as rúas, xardíns e prazas de Redondela co seu espírito “provocador, festivo e popular” totalmente renovado. Con máis de 35 artistas que exporán as súas obras ao longo de dúas semanas, o Artelixo volve ser unha chamada de atención á sociedade. O colectivo Senghasoil, apoiado polo programa da UE “Xuventude en acción”, pon en marcha ate o día 7 de setembro multitude de actividades artísticas, musicais e reivindicativas. A inauguración, hoxe ás 21.30, contará cun percorrido por todas as obras participantes, espalladas polo centro da vila, música, performance e uns pinchos de “comida reciclada”. David Faro, da organización, explica que a ecoloxía chega á gastronomía para dar conta de que produtos enlatados que ás veces “deixamos caducar nos armarios”, poden converterse en suculentos aperitivos. De xeito paralelo inaugúrase a exposición do pintor Xulio Fontes na Casa da Cultura, en horario de 19.00 a 22.00 horas. Este artista, afincado en Vigo, utiliza como base dos seus cadros “palés” da insdustria. Para os máis pequenos celébrase o mércores, día 29, o “Obralixo”, ás 20:00h na Alameda, onde nenos e nenas poderán crear as súas propias obras de arte con material de refugallo. O venres día 31 de agosto a cita é co “Mercalixo”, a partires das 19:30 na Alameda. Todos os que o desexen poden levar obxectos usados que xa non utilicen para “trocalos, cedelos ou vendelos”. A próxima semana as actividades continúan co “Videolixo”, o día 5 de setembro ás 22:00h , a intervención de Detritus de Massfuentes o 6 de setembro ás 22:00h. E a gran festa de clausura o día 7 de setembro ás 21:00h.