Desde o executivo popular acusan ó BNG de xerar “incerteza” entre os traballadores municipais coa súa denuncia dunha suposta privatización de servizos públicos. O goberno local xustifica a contratación “puntual” dalgúns traballos a empresas alleas ó Concello pola falta de persoal e a imposibilidade de facer novos contratos.
Desde o goberno redondelán acusan ó BNG de facer “demagoxia” co asunto, cando o obxectivo do Concello é “optimizar recursos”. Explican desde o PP que resulta “imposible” manter limpo o conxunto do municipio cando só contan con catro operarios para toda a zona urbana de Redondela e dous para a de Chapela. Ante a escaseza de persoal a Concellería de Limpeza busca a maior eficiencia, xa que o Concello non pode contratar persoal nin para cubrir as baixas, polo que precisan completar as labores dos traballadores municipais coa contratación puntual de empresas para algúns traballos. Desde o BNG denunciaron estas contratacións a empresas privadas para a limpeza da praza de abastos de Redondela, traballos de mantemento nos xardíns municipais e outros servizos , como a limpeza da rúas despois do Entroido de Verán.