Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Santo Estevo de Negros agarda que unhas 3.000 persoas asistan á súa XVII Festa da Mazá

RR_Noticias

A organización confía en superar as cifras do ano pasado, xa que as degustacións se amplían tamén á xornada do sábado. Salientan que foi un ano especialmente bo para esta froita do outono, o que lles permitiu recoller uns 3.500 quilos doados polos propios veciños da parroquia. A empanada de bacallau con mazá, a costela e as sobremesas elaboradas con esta froita serán as estrelas da fin de semana.

Os veciños traballan a marchas forzadas para ter todo a punto. Segundo explica o presidente da Asociación da Festa, toda a parroquia se implica nesta celebración, xa que son os propios veciños os que achegan a froita, que se colleita en todo o Val do Maceiras. Emilio Antón Otero, explica que nesta ocasión foi “un bo ano para a mazá, con máis de 3.500 quilos” que se van empregar para facer as receitas, sidra, licores e vinagre. Hai xa días que preparan a sidra que se servirá na festa, e que estará xa a punto o sábado pola noite. Ás 22.00 abrirán as casetas para degustar empanada de bacallau con mazá e chourizos á sidra e celebrar a verbena co grupo Etiqueta Negra e o DJ Rever. O domingo será o día grande, e desde as 11.00 poderase degustar tamén bacallau con mazá, costela con mazá, licores e moitas sobremesas elaboradas con esta froita. O cociñeiro da TVG Beningno Campos será o encargado de ler o pregón ás 13.00 horas. Antes haberá actuacións do grupo de gaitas de Reboreda e Baile Galego da asociación de Chapela. Tamén se organiza un concurso de repostería de mazá, os que queiran presentar os seus pratos deberán facelo antes das 12.00. Pola tarde haberá tamén actuacións musicais e grupos de baile galego. En Negros teñen previsto que sexa “unha gran festa” e superar o número de asistentes do ano pasado, cunhas 3.000 persoas no recinto.  

Emilo Antón presidente
Toda a parroquia colabora nesta festa gastronómica.
3.500 quilos de mazás
Este ano a colleita de mazás foi moi boa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará