Todos os partidos do equipo de balonmán redondelán cóntanse por vitorias. Esta fin de semana impúxose no Morrazo ao Moaña. Para o club o obxectivo é seguir traballando coa canteira e seguir nos postos altos da táboa para optar á fase de ascenso a Primeira Nacional, onde tamén segue invicto o Solla&Cía Chapela.
Primeira Autonómica Moaña 27-31 SAR Plastic Omnium A relaxación na segunda metade impediu ós redondeláns gañar por unha renda maior, xa que chegaron ó descanso con 8 goles de vantaxe (8-16). Un encontro que o presidente da entidade, Aurelio Krook “Lito”, cualificou de “sinxelo”. O resultado deixa á SAR invicta e como líder do grupo, xunto co Pontevedra. Para o presidente esta temporada comezou ben, logo do descenso, con algunhas baixas pero tamén coa incorporación de Polaco e Manu Rei, ademais dos xogadores da canteira. Tamén cambiou o adestrador, que agora é Diego, e o seu principal obxectivo é seguir nesta senda de triunfos para poder loitar polo ascenso, sempre apoiados polos xogadores dos equipos da base. Actualmente o club conta con quince equipos de todas as categorías, e a aspiración da entidade deportiva é ascender aos equipos cadete e xuvenil á División de Honra, onde xa militan o reste de categorías do club. En canto ó equipo sénior o sábado reciben na bomboneira de Redondela ó Ártabro, da Coruña, que tan só sumou un punto no que vai de liga. Primeira Nacional Solla&Cía Chapela 30-28 Grupo Covadonga A vitoria do equipo de Chapela sobre o Grupo Covadonga quedou embazada pola disputa do final do partido entre os compoñentes dos dous equipos. A lea estivo provocada pola falta deportiva do xogador visitante Alexis Fernández, secundado posteriormente polo seu compañeiro Daniel García. Agora a quenda para o Comité de Competición unha vez analice a redacción da acta. Os locais arrincaron o partido cun parcial de 3-0 e que tivo unha rápida resposta visitante (3-3 m.6). Co paso dos minutos, os de Fran Teixera volvían tomar o mando do marcador (9-6) produto da velocidade de Camiño e Rober no contragolpe. Os xixoneses tiñan no veterano Víctor Álvarez ao seu mellor elemento, pero unha acción do xogador sobre o local Fabián custoulle o cartón vermello directo a falta de catro minutos para o descanso. Coa vantaxe numérica sobre a pista o Chapela puxo rumbo á vitoria (16-10). Pero a relaxación polo resultado favorable foi o peor inimigo do Solla&cías. As artimañas de Alexis, o oficio de Camilo e os goles de “Chusón” de la Puente, servían para desbaratar a vantaxe local (22-21, m.46). Reaccionou a tempo o Chapela para de novo irse no marcador (26-22) e defender un triunfo que lle permite seguir invicto despois de tres xornadas. Na próxima fin de semana xogan no pavillón do Bueu.