O motoclub Vespartanos organiza unha “Party Vespa” este sábado que inclúe unha xincana, exposicións de motos clásicas e de competición, unha ruta por varias parroquias de Redondela e concertos. A cita é no aparcadoiro da Alameda e as actividades están abertas a todo o público.
Comezarán as 16.00 horas coas inscricións para a xincana, un circuíto de habilidade no que poderán participar Vespas e Lambretas, e que comezará ás 17.00. Os organizadores, Calía Ricón e Fernando Barciela, confían en que sexa unha actividade divertida “para os participantes e para o público”, e haberá premios para os mellores. No recinto da feira haberá tamén un espazo reservado para as exposicións, onde os veciños poderán ver de preto motos clásicas e de competición chegadas desde diferentes puntos de Galicia. A partires das 19.00 horas farán unha ruta moteira que discorrerá polas parroquias de Negros, Vilar e Trasmañó. Haberá unha parada tamén para “repoñer forzas” cunhas tapas no Bar Embarcados, na Portela, onde o motoclub ten a súa sede. Xa a partires das 22.00 horas comezarán no recinto da Alameda a entrega de premios e os concertos. Haberá trofeos para os gañadores da xincana e tamén para as mellores motos, e neste caso será o público asistente o que vote polas máquinas “máis fermosas”. Ademais os asistentes que participen cos seus votos tamén teñen opcións de gañar algún premio. En canto ós concertos serán os redondeláns “Zanco de Polo” os que poñan a animación xunto cos pontevedreses “Skirl” e os DJ´s RaTmonet 4×4 e Gerardo Fuentes.