Os tres grandes partidos, PP, PSOE e BNG perderon votos en Redondela nestas eleccións autonómicas con respecto ós anteriores comicios galegos. O PP suma 5.672 votos, son 1.122 menos que nas anteriores eleccións. Os socialistas acadaron 3.968, fronte ós 5.618 dos comicios de 2009; o BNG sumou 1.739 papeletas, pouco máis da metade das 3.228 que obtivera. AGE irrompe en Redondela como terceira forza con 2.723 votos nunha xornada na que a abstención foi do 35%.
Como no resto da provincia de Pontevedra, os resultados en Redondela permiten ó PP manterse como a lista máis votada, malia que perden apoios con respecto ás anteriores eleccións autonómicas. Para o voceiro do grupo municipal do PP, o apoio dos redondeláns “nestes momentos de crise” é un motivo de satisfacción. Alberto Pazos valora o resultado como un “referendo” dos veciños á política da Xunta de Feijóo e tamén do traballo do goberno local en Redondela. A outra forza gañadora destes comicios é Alternativa Galega de Esquerdas, que acada un 17% dos votos no municipio. Con todo, non se amosan “totalmente satisfeitos” ao non terse cumprido o seu obxectivo de “desaloxar” da Xunta ó PP. Xan Ignacio Lueiro, de AGE Redondela, entende que os seus resultados deixan patente que existe unha maioría social “de esquerdas”. Unha impresión que comparte o edil socialistas Eduardo Reguera, quen lamenta que o seu partido “non soubo chegar” á cidadanía, malia á “maioría social progresista” de Redondela. O BNG é o que experimente unha maior caída en Redondela, ao pasar dun 19% a un 11% dos votos. O responsable local, Xavier Balsas, admite o “fracaso”, e entende que a fragmentación do nacionalismo pasoulles factura.