Autor, director de escena, narrador oral, actor… ou como el mesmo se define “cómico”. Cándido Pazó é o protagonista este xoves da programación teatral da sala da avenida Mendiño. Os seus monólogos “con selo propio” achegarán ó público a retranca e o humor propios deste contador de historias.
O vigués Cándido Pazó escribe e dirixe teatro, fai adaptacións e actúa para compañías como Ollomoltranvía, Teatro do Noroeste ou Talía Teatro. É guionista para televisión de series como A familia Pita ou Pratos Combinados e dedícase tamén á narración oral. É nesta faceta de “contador de historias” como o público o vai poder ver de preto na Disco Tasca. Non será un monólogo dos que se adoitan ver en televisión, senón algo máis persoal, un “híbrido” como Pazó describe as súas historias e onde a improvisación ten tamén un papel fundamental. Este “cómico”, como el mesmo se define, tampouco renuncia ó humor, parte esencial das súas actuacións, onde a ironía e a retranca conectan co espectador. A cita é este xoves, día 25, ás 22.00 horas. O prezo das entradas en venta anticipadas é de 5 € (3 € para socios jamusinos) e 6 € no despacho de billetes (4 € socios). A programación da Disco Tasca continuará no mes de novembro cunha ampla oferta. O propio Cándido Pazó eloxiaba as iniciativas privadas como a desta sala redondelá, que ofrece ó público a posibilidade de achegarse ó teatro e á cultura.