A entidade, con sede en Redondela e presidida pola concelleira Teresa París, asinou os convenios con Amigos da Terra, Taller de Solidariedade, Implicadas no Desenvolvemento e Enxeñería sen Fronteiras. Ademais apoiará de xeito directo actuacións en vivendas de familias indíxenas e nunha escola.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asinou con catro ONG os convenios para cofinanciar outros tantos proxectos de cooperación en países do Sur. A resolución da convocatoria de proxectos de 2012, aprobada na última Asemblea xeral, inclúe ademais actuacións de cooperación directa da entidade cos seus parceiros en terreo. Entre as accións subvencionadas aos axentes galegos de cooperación, apoiarase con 16.983 euros unha intervención para reducir a incidencia de doenzas coma o mal de Chagas en Nicaragua, presentada por Taller de Solidariedade co Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto) como coparte. A ONG Implicadas no Desenvolvemento, pola súa banda, obtivo 8.495 euros para promover a participación social e política das mulleres na India, favorecendo así a equidade de xénero. Ao tempo, Enxeñería sen Fronteiras recibirá 18.202 euros para mellorar as capacidades de xestión dos recursos hídricos do persoal da Municipalidade de Marcovia, en Honduras. Tamén o proxecto de Amigos da Terra no Golfo de Fonseca será subvencionado con 20.000 euros, concretamente para apoiar a xestión ambiental de dúas áreas protexidas no sector de Nicaragua. En canto á cooperación directa, o Fondo Galego volverá traballar co Inprhu para mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade en Totogalpa, coa construción de dez vivendas, e a rehabilitación dunha escola en Santiago de Cuba.