As asociacións Xoeira, Millo Verde e Santa María do Viso organizan mañá mércores obradoiros para os nenos, un magosto, un serán popular e unha queimada. As actividades celébranse na Alameda de Redondela, na que será xa a súa sexta edición, e están abertas a todo o público. As asociacións lamentan que por primeira vez o Concello non colabore na realización desta festa popular, unha decisión que lles foi comunicada polo goberno local onte luns.
As actividades comezarán ás 17:30 horas, con diversos obradoiros para nenos e nenas de decoración de cabazas (os nenos deberán traer a súa propia), obradoiro de maquillaxe e outro de manualidades. As 18:00 horas comezará o Magosto con castañas para todos os asistentes, e a novidade deste ano será o Concurso de Sobremesas con Cabaza ou Castañas que dará comezo as 20.30. Os organizadores animan a toda a xente que o desexe a participar. Durante a xornada haberá ambientación musical ata chegar as 21:30 horas, momento no que dará comezo o Serán popular no que calquera grupo tradicional é benvido a tocar, e rematarán cunha queimada e máis sorpresas. Miriam Lamas, de Xoeira, explica que se trata dunha celebración “para toda a familia” na que se poñen en valor “as tradicións galegas” para compartir un serán festivo entre as diferentes xeracións. A nota negativa desta sexta edición do Samaín foi a decisión do Concello de Redondela de non colaborar co evento. As asociacións “lamentan” que a concellería de Cultura lles comunicara onte luns que non terán subvención municipal. Lamas explica que se trata dunha festa “moi participativa” na que colaboran moitas persoas de xeito voluntario, e que integra á súa vez o Magosto de Redondela e o único Serán urbano da Vila. As asociacións participantes consideran “inexplicable” que unha actividade “consolidada e deste calado”, sufra “este menosprezo” e que todo o peso da súa organización recaia plenamente nas tres asociacións “sen apoio, colaboración, nin axuda” por parte do Concello. Tamén dende a Plataforma pola Defensa da Cultura laméntase que se sigan dando por parte do Concello de Redondela este tipo de situacións “que dificultan o traballo e as actividades de moitas asociacións en prol dos veciños de Redondela”.