A iniciativa, promovida pola Deputación de Pontevedra, pretende revitalizar as vendas no mercado local cun “showcooking” no que os integrantes do Grupo Nove, amosarán en directo as súas destrezas culinarias.
Este mes de novembro o Grupo Nove, integrado por 22 destacados restauradores galegos, colaborarán coa Deputación de Pontevedra nun proxecto que pretende revitalizar os mercados municipais, entre os que se inclúe o de Redondela.
A iniciativa conta coas principais figuras da gastronomía da nosa Comunidade, que suman en total oito estrelas Michelín e dous campionatos de España de cociñeiros. Entre eles atopamos nomes como Marcelo Tejedor, José González-Solla, Héctor López, Manuel García, Javier González,Yayo Daporta, Beatriz Sotelo Sequeiros, entre outros.
Os cociñeiros farán un “showcooking” na praza de abastos de Redondela, para o que se instalara un escenario que recree a cociña tradicional para que os restauradores poidan elaborar en directo distintas receitas á vista do público.
Ademais de Redondela, tamén estará nas prazas de abastos do Porriño, Ponteareas, Bueu, Portonovo, O Grove, Caldas e Vilagarcía.