As primeiras investigacións apuntan a que uns ladróns entraron nas vivendas para roubar e logo prendéronlle lume para borrar pegadas. Trátase de dúas residencias de veraneo dentro dunha mesma finca, no Camiño da Sobreira, preto da costa. No momento do suceso non se atopaba ninguén no interior.
A Policia Nacional de Vigo-Redondela investiga o incendio, presuntamente causado por uns ladróns que foron roubar esta madrugada. Bombeiros de Vigo e Mos participaron na extinción, e tiveron que empregar 15.000 litros de auga durante catro horas para apagar as lapas. Unha vivenda quedou totalmente calcinada e a outra, situada a 20 metros, sufriu danos no salón e a cociña. Segundo a investigación, os ladróns forzaron a porta dunha das casas deshabitadas ás 2.15 horas. Tras saquear os mobles e outras pertenzas en dúas vivendas, prenderon lume para borrar as pegadas. Os bombeiros de Vigo acudiron cun camión de 5.000 litros e os de Mos con outros dous vehículos. Os efectivos puideron salvar a casa menos danada mentres que a outra quedou completamente calcinada. As tarefas de extinción remataron ás 6.00 horas. Nos traballos participou ademais a Policía Local de Redondela.